Thursday 28 de March de 2024

A Xunta colabora coa Comunidade de Usuarios da Traída de Augas de Pepito en Rianxo para mellorar a potabilización e para evitar perdas de auga


― O delegado territorial da Xunta, Gonzalo Trenor, comprobou hoxe as actuacións levadas a cabo a través das axudas do Goberno galego

― Destináronse, o ano pasado, máis de 12.000 euros a actuacións a prol da mellora da autoxestión e das infraestruturas da súa traída e este ano recibiron outra axuda de máis de 13.000 euros para seguir renovando as súas instalacións

― O representante do Goberno galego recalcou que na comarca do Barbanza apoiáronse, no 2022 ,a tres entidades de comunidades de usuarios de augas cun importe de 42.000 euros para optimizar as súas infraestruturas

― Trenor lembrou que a Xunta incrementou este ano o orzamento da orde nun 20%, ata acadar os 3M€

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, supervisou hoxe as actuacións levadas acabo co apoio da Xunta, nas que se investiron máis de 12.000 euros para realizar melloras na potabilización e evitar perdas de auga nas infraestruturas da Comunidade de Usuarios da Traída de Augas de Pepito. O delegado da Xunta subliñou que esta entidade tamén recibirá este ano outros 13.000 euros para seguir realizando actuacións a prol da mellora da autoxestión e das infraestruturas da súa traída.

Na súa visita, Gonzalo Trenor, puido comprobar a utilidade destes apoios para optimizar a xestión da auga a nivel comunitario. O delegado da Xunta lembrou que esta orde vai dirixida a asociacións veciñais, confederacións, federacións, unións de asociacións de veciños, comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais e resaltou que este ano incrementou o seu orzamento nun 20% con respecto ao 2021, ata acadar os 3 millóns de euros. O reforzo encádrase na aposta da Xunta polo asociacionismo veciñal e a xestión conxunta de bens e servizos por parte da poboación galega.

Concretamente, segundo informou o representante do Goberno galego, na comarca de Barbanza apoiáronse no 2022 a tres comunidades de usuarios de augas a de Xuño en Porto do Son, a de Corrubedo en Ribeira e da de Pepito en Rianxo, cun importe de 42.000 euros para optimizar as súas infraestruturas
Trenor lembrou que este investimentos poden ir destinados ao acondicionamento, reforma e ampliación dos locais sociais e á compra de equipamentos básicos para o seu funcionamento, como mobiliario, equipos informáticos e audiovisuais ou material non básico específico para levar a cabo determinadas actividades. Ademais, son subvencionables proxectos de mellora, reforma e reparación das instalacións das traídas de auga promovidas por comunidades de usuarios de augas para garantir o abastecemento.